
Trasno é un personaxe con moitos anos de experiencia e madurez nas distintas rúas e prazas do mundo. Creado en Galicia por Pablo Reboleiro no ano 2001, non tivo moito tempo para verse por estas terras xa que emigrou con el para Londres nese mesmo ano. Alí estudiou na prestixiosa Escola de Circo The Circus Space durante catro anos.
Cunha longa experiencia en festivais de teatro e circo, como o festival De Gorra! en Compostela, Reperkusión de Allariz, Festiclown Compostela, Festival Bambalinas en Buenos Aires (Arxentina) ou o festival Anjos do Picadeiro de Rio de Janeiro (Brasil) ademais doutras actuacións salientábeis en sitios tan variados como Luknow (India) ou Beslan (Rusia)
Poderiamos clasificar Trasno coma un espectáculo cómico co cal a xente se identifica e participa, un espectáculo por e para o público con situacións hilarantes, outras que tocan o corazón e outras que “pinchan” un pouquiño, pois falan de nós mesmos e das nosas manías e defectos. Por outro lado é un espectáculo sorprendente con ese espírito circense do “más difícil todavía” que deixa abertas as bocas de boa parte do público. Os nenos soñan co que serán de maiores e os maiores recordan o que soñaban cando eran nenos. En definitiva, un espectáculo plural e multidisciplinar para toda a familia. Música, circo, teatro, baile e danza para o goce de tod@s.
Neste divertido espectáculo, o noso protagonista ofrécenos unha variada colección de números que mesturan diversas técnicas circenses. Entre estes cabe destacar:
. Happening.
. Pallaso mímico cun mono de xoguete.
. Malabarismos con mazas
. Equilibrios
. Rolo-Bolo
. Malabarismos con coitelos
. Neno shaolín
. Diversas acrobacias
. Número musical cunha acordeón