
Vila mariñeira situada na marxe sur da Ría de Arousa, na posición de latitude de 42ª35´4 N e lonxitude 08ª 47´ 3 W no suroeste da provincia de Pontevedra, e na comarca do Salnés, entre Vilanova e Vilagarcía.
Duns 3500 habitantes (INE 2004) e unha superficie de 5,9 km 2, foi fundada no ano 1490 por Xoán Mariño de Soutomaior. Concello independente dende 1836, pasando no ano 1913 a integrar no municipio de Vilagarcía de Arousa.
Pola súa situación xeográfica, a súa economía sempre estivo ligada ao mar, xa sexa directamente coa pesca e o marisqueo, ou indirectamente dende as últimas décadas do século XVIII coa instalacións polos cataláns das fábricas de salgadura até as actuais conserveiras; e dende 1950 pola abundante presenza de bateas de mexillóns. Sen esquecer ás peixeiras. Esta forte actividade industrial fixo notable a presenza sindical na vila.
Ten unha arquitectura esencialmente mariñeira, destacando as casas tradicionais mariñeiras de pedra, e os seus patíns… son tamén notables os horrendos recheos e algunha que outra chapuza arquitectónica.
Os principais monumentos da vila son os catro pazos(Sobrán, Pardiñas, Rial e Rúa Nova) relacionados cun pasado de esplendor económico e a igrexa de San Martiño de Sobrán, perfecto exemplo do románico galego. Mencionar tamén o casco histórico típico dunha vila mariñeira e o peirao dende o cal se poden ver excelentes postas de sol ademais da marxe norte da Ría de Arousa.
Como todo vila mariñeira é coñecida polo seu carácter festeiro e a afección das súas xentes polo canto.