Gala Solidaria Revenidas

A Gala Solidaria do Revenidas leva anos sendo a referencia familiar do festival e congregando a máis de mil espectadores arredor das artes escénicas, o humor e o circo no Parque de Dona Concha. Para este 2017, o festival preparou unha gran gala a favor de Pallas@s en Rebeldía: a GALA FLORES CONTRA O ESQUECEMENTO.

Esta gala comezou a xirar no centro de Atenas en maio deste ano, no barrio de Exarchia e tamén no campo de refuxiadas de Skaramangas, próximo á capital helena. A primeira semente puxérana Pallas@s en Rebeldía na súa viaxe ao campo de Idomeni no 2016: é unha proposta circense-musical que espalla polo mundo a esperanza nun mundo máis xusto e máis humano, onde, como afirma o espírito nómade dos pallasos, pallasas e artistas de circo, non existen fronteiras.

De Atenas á Coruña pasando por Melilla e Calais, Idomeni e Palestina, e agora chegando a Vilaxoán: Pallas@s en Rebeldía acolle coa maxia do circo a miles de homes e mulleres que foxen da guerra, mentres denuncia as políticas xenocidas da UE. Caracoles ofrece a súa rumba mestiza para abrazar desde a arte fraterna a dignidade que camiña ata as nosas casas en busca dun futuro en paz acompañados de destacadas compañías como Kanbahiota, Peter Punk, o Mago Teto, Ricky Tenis, Zirkusfrak, Júlia Farrero… Unha potente gala con dúas horas de música, festa, circo rebelde, maxia e compromiso.

PETER PUNK, nome artístico de Isaac Rodríguez Miranda, é o pallaso máis gamberro e irreverente do panorama galego, que adobía malabares, equilibrios imposibles, globoflexia e lume co seu humor mordaz. Non ten pelos na lingua e sempre consegue as gargalladas de públicos pequenos e non tan pequenos. Gañador do Mundoclown 2008 e do Festiclown Rivas-Vaciamadrid 2013 e 2014, xirou por Brasil, Arxentina, Palestina, Italia, Portugal e multitude de festivais estatais e galegos. Con mais de 900 funcións realizadas, Peter Punk é un neno chegado do país de Nunca Máis que se resiste a medrar, un pallaso pillabán que xa ten percorrido rúas, prazas e escenarios de toda a Península e máis alá, e espallado risos e tartazos mesmo en Idomeni e Palestina.

O MAGO TETO é un dos máis veteranos, destacados e mediáticos de Galicia: debutara no Día das Letras Galegas de 1992 no seu instituto de Viana do Bolo para sorprender ós seus compañeiros. Catro anos despois, chegaría o despegue profesional co espectáculo A maxia dos soños. Desde a estrea do seu primeiro espectáculo en 1996 con tan só 19 anos, o Mago Teto converteuse nun dos ilusionistas máis relevantes en Galicia. Habitual na televisión desde os seus comezos, goza dun gran recoñecemento por parte do público. É colaborador habitual de Pallas@s en Rebeldía e participou en multiples galas e no primeiro Festiclown Palestina.

A compañía ripense KANBAHIOTA (Premios coma o Festiclown San Fernando, ou o Stuartini do Festival MYAU de Guadalajara), visitou medio mundo cos seus shows: Palestina, Brasil, Sáhara, Francia, Grecia, Colombia,… É unha colaboradora fundamental de Pallas@s en Rebeldía cos que fixo caravanas por todos estes lugares. Desde o ano 2002, esta compañía fai do aire o seu escenario. Aprópianse do vento nas prazas e do ambiente no teatro. Calquera recinto é perfecto para acoller o seu característico talento e as súas depuradas técnicas aéreas. Os malabares, a danza, o circo e a maxia son as ferramentas destes artesáns do espectáculo. Son xa vellos coñecidos nas Revenidas e este ano contaremos con eles nesta nova gala con novos números e disciplinas.

RICKY, profesor de Tenis, é o personaxe que encarna José Luis Redondo, formado en diferentes técnicas de circo como aéreos, equilibrios, malabares, acrobacia e clown na Escola de Circo Carampa (Madrid, 2004-05) e na Escola de Circo Crioulo (Bos Aires, 2005-06). Traballou no Teatro Circo Price, e desde o 2007 forma parte do Colectivo Circense Cruzando el Charco, cos que desenvolveu un proxecto artístico e social durante os tres primeiros meses do 2008 en Chile e despois España e Italia. Desde hai uns anos consegue as gargalladas do público con Ricky, profesor de tenis, que ofrece clases maxistrais alá onde o público queira, condimentadas con malabares, equilibrio sobre rulo ou verticais sobre cadeiras. É outro colaborador habitual, participante no primeiro Festiclown Palestina.

A música vén da man da banda tinerfeña CARACOLES; fan rumba mestiza, viaxan entre cores, sons e sabores latinoamericanos, brasileiros, rumbeiro-flamencos, rockeros e popeiros. Elxs son Fabián Rosquete, Nuria Hernández, Peter Point The Power e Juani Cantero, e a finais deste xuño presentaron o seu disco Flores contra el olvido, baseado no traballo na caravana realizada en maio en Atenas acompañando a Pallasos en Rebeldía. Gravaron tamén alí o videoclip “El olvido”, co cineasta David Baute.

ZIRKUSFRAK é Jorge Albuerne: vinculado ao circo e á rúa desde hai case dúas décadas, atopou na verticalidade do pau chinés unha conexión entre o movemento, a plástica e a acrobacia. Segue a explorar no humor e no absurdo coa única intención de provocar o riso. Docente e creador escénico, reparte actualmente o seu labor e corazón entre España, Arxentina e México.

JÚLIA FARRERO, artista barcelonesa, é diplomada en fisioterapia, e toda unha experta en acrobacia no chan sen aparatos, acrobacia aérea, aro, teas, trapecio de balance, trapecio dobre, trapecio fixo… Leva desenvolvendo varios espectáculos desde o 2008, foi membro de “GAStaldea” grupo de malabares e espectáculos de rúa, e colaborou co Espai d’assaig i creació d’aèris do auditorio da casa da cultura de Burlada, Pamplona, e coa escola Oreka da mesma cidade dando clases de aéreos.

Compartir
Share on Facebook184Tweet about this on TwitterShare on Google+2