A decoración 100% a man de Revenidas15

Written by Published in deseño gráfico, feira revenida, participación, sardiñada popular
Decorar un parque público para un Festival

O festival Revenidas contará cunha decoración especial con 50 metros de tela e novos materais deseñada por Iria Quintáns

IMG_3734

Por segundo ano consecutivo, Iria Quintáns, de Creaciones Andoriña, fará unha intervención decorando o entorno do parque de Vilaxoán para o Revenidas15. Agora está chea de traballo ultimando os materiais e os deseños para o festival, pero tivo un oco para falar con nos.

Unha intervención nun espazo público tan grande como o Parque de Dona Concha. Como afrontas este traballo?

Cada traballo que realizo convértese nun reto persoal para min, buscando algo distinto e orixinal acorde co estilo e imaxe do festival. Cando me poño coas decoracións pasan as horas sen darme conta e, a medida que vai aparecendo o resultado, máis ganas lle poño, é o bo do traballo artesá. Aínda que as veces gustaríame contar con máis tempo!

Que novidades haberá con respecto a ano pasado.

O ano pasado o logo da Revenida ía en forma de marioneta, este ano busquei a tridimensionalidade inpirándome nun mapa de curvas de nivel.

Cales son os principais materiais.

Case todas as miñas decoracións son a base de porex, é un material que resulta doado de tallar para facer esculturas e é un dos máis económicos, pero non vale calquera, ten que ter certa densidade. Ademais de ser impermeable á auga, algo que sempre hai que ter en conta para as decoracións exteriores. Por outro lado, este ano cambiarei a tela polo plástico, sale máis económico e penso que o resultado tamén vai ser bo.

Cantas persoas colaborarán ou traballarán para a decoración do parque.

Familia e amigos, é dificil contabilizalos, según os horarios laborais de cada un deles. O ano pasado na montaxe chegamos a ser 15 persoas. Algúns uníronse a última hora ao cadrar que pasaban por alí sen saber que eu era a encargada da decoracióm, é xente que sempre está disposta a botar unha man.

O ano pasado montastes un fermoso globo aeroestático que serviu ademais de fotocall. Tes algunha idea para este ano?

Este ano o fotocall será a propia sardiña. Aínda que retirarase pola noite cando comecen os concertos no recinto pechado.

Como foi o comezo e a consolidación de Creaciones Andoriña?

Creaciones Andoriña comezou sendo unha asignatura do curso de escaparatismo ata converterse nun proxecto persoal. Este tipo de traballos o importante é ver o que fas e como o fas, e para iso necesitaba realizar diferentes traballos que me desen a oportunidade de crear o meu propio portfolio e, unha vez feito, envialo en forma de curriculum creativo as diferentes empresas. Levo tres anos compaxinando este proxecto co meu traballo, este ano tocou probar sorte enviando 20 currículums en forma de caixas de mudanzas onde se mostraban parte das miñas decoracións e a frase “Veño para quedarme” xunto cun cepillo de dentes, e 11 empresas puxéronse en contacto comigo expresando a súa sorpresa pola orixinalidade do currículum, penso que é unha boa media, inda que o feito de querer quedar en Galicia quizáis sexa o principal hándicap. Toca seguir traballando e, pasiño a pasiño, as cousas acabarán saíndo. So hai que ter paciencia.

Ademais, tamén tes moitos traballos de escaparatismo.

Para min todos os escaparates son importantes porque recrean unha escena e están feitos 100% a man. Quizáis algúns dos que máis gustaron foron o bosque de fadas para l´Atelier Novias en Caldas de Reis, os de nadal da librería Nobel en Vilanova de Arousa, ou o paraugueiro con forma de carrete de fío da mercería Lazos e a escena do pescador, actualmente na tenda Bembó, ambos en Vilagarcía de Arousa.

Pois vémonos no Revenidas!

Estaría encantada de que vos acercarades esta fin de semana ata Vilaxoán de Arousa para disfrutar dos concertos, a sardiñada e as numerosas actividades que alí se desenvolven e, xa postos, sacar unha foto coa Revenida! Vémonos en Vilaxoán!

Compartir
Share on Facebook
Facebook
0Tweet about this on Twitter
Twitter

revenidas