El Drogas pecha o cartel desta edición do Revenidas

Written by Published in +Revenidas

O festival Revenidas que celebrará a súa 15º edición do 17 ao 19 de agosto, pecha o seu cartel coa incorporación de Enrique Villarreal, máis coñecido co nome artístico de El Drogas.

Enrique estivo durante case 30 anos en Barricada como cantante e baixista, tarefa que compaxinou con Txarrena e La venganza de la abuela. Conta no seu currículo case 20 discos de estudo, 7 de directo e outros tantos recompilatorios, máis de 2000 actuacións e máis dun centenar de colaboracións con outros artistas. Todo sen perder a esencia da rúa, un rock urbano con ramalazos punk e moi poucas florituras.

O artista chegará ata Vilaxoán o sábado 18 de agosto para compartir escenario con Tremenda Jauría, Steven ‘n’ Seagulls, Cuarta Xusta, NH3, Glaukoma e Isaac Peces DJ. O venres 17 de agosto, o público poderá gozar das actuacións de Soziedad Alkoholika, Ayax y Prok, The Real Mckenzies, Ezetaerre, Joan Garriga e Galactic Mariatxis, Balkan Bomba, Keltoi! e María Turme DJ; e o domingo 19 o ritmo correrá da conta de Russkaja, Dakidarría, Banda Xangai, Zoo, Xavi Sarrià i el Cor de la Fera, High Paw & Elephand Yard, El Diluvi, Auxili e The Dawlins.

Entradas e actividades

A organización segue apostando por unha combinación de espazos de balde para o lecer de familias e de todos os públicos, cunha programación musical que inclúe ás máis importantes bandas internacionais, estatais e galegas do panorama actual. 

O modelo de combinar actividades de balde para público familar con concertos de pago seguirá sendo a base desta festa galega, que continúará na súa liña de explorar novos espazos con actividades que vencellen a vila e o evento, co que colaboran o Concello de Vilagarcía de Arousa, A Deputación de Pontevedra a través do seu circuíto #RíasBaixasFests e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), por medio da súa marca Fest Galicia.

Os interesados e interesadas en asistir ao Revenidas 2018 poden mercar xa o abono de tres días por un prezo de 35€ e a entrada dun só día 20€  a través da páxina web www.revenidas.com. Nos próximos días, habilitaranse puntos de venda físicos onde tamén será posible adquirilas.

revenidas