Máis de corenta bandas celebrarán os quince anos de Revenidas

Written by Published in +Revenidas

A 15º edición do festival Revenidas, que se celebrará os próximos 17, 18 e 19 de agosto en Vilaxoán, presentouse esta mañá no Parque de Dona Concha da vila coa presenza de Sonia Outón Jacobo Sutil -director de AGADIC-, Xosé Leal -deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra-, Carmela Silva -Presidenta da Deputación de Pontevedra, Sonia Outón -Concelleira de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa-, Alberto Varela -alcalde do Concello de Vilagarcía de Arousa-, Xurxo Souto -músico- e Xoan Quintáns -director do festival Revenidas-.

A concelleira de cultura do Concello de Vilagarcía, Sonia Outón, quixo aproveitar a ocasión para destacar o carácter propio do Revenidas, alegando que é un festival “intercultural, internacional e que traballa a prol da lingua”, idea coa que concordou Xosé Leal ao describir o evento como “un punto de convivencia interxeracional que defende a lingua galega e todas as do Estado”. 

Na mesma liña, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, destacou que “Revenidas fala do que somos, da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa tradición”, e Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa, celebrou que durante unha fin de semana, o mundo mira cara a Vilaxoán froito do bo facer da organización e, sobre todo, do carácter amable e hospitalario da xente da vila.

Jacobo Sutil, director da AGADIC, aproveitou a súa intervención para destacar a variedade das actividades paralelas e a rica proposta musical do Festival. Ademais, explicou antes os asistentes as accións que porán en marcha dende a Xunta de Galicia a través de Fest Galicia, como a avaliación económica, social e comunicativa dos festivais que se agrupan baixo a marca.

O Revenidas, que contará con máis de corenta bandas galegas, do estado e internacionais, terá unha especial “presenza artística feminina”, tal e como apuntou o director do festival, Xoan Quintáns, “co obxectivo de conseguir que isto vaia cada edición en aumento”. Ademais, Quintáns tamén quixo destacar varias das principais novidades desta edición: a maior aposta do festival pola sostibilidade e o medio ambiente a través da reciclaxe e reutilización e a incorporación da tecnoloxía cashless como sistema de pago.

Para rematar, o músico Xurxo Souto -que actuará no festival coa Banda Xangai- anunciou a actuación sorpresa da Coral de Vilaxoan durante o seu concerto, que terá lugar o próximo domingo 19. Deste xeito, apuntou Souto, “Vilaxoán permítese crear os seus propios espectáculos, e incluso tamén a súas propias cancións, como a que esta coral compuxo exclusivamente para o Festival”.

Actuacións musicais e actividades paralelas

Os asistentes ao Revenidas poderán gozar o próximo venres 17 de agosto das actuacións de Soziedad Alkoholika, Ayax y Prok, The Real Mckenzies, Ezetaerre, Joan Garriga e Galactic Mariatxis, Balkan Bomba, Keltoi! e María Turme DJ; o sábado 18 de agosto será o turno de El Drogas, Tremenda Jauría, Steven ‘n’ Seagulls, Cuarta Xusta, NH3, Glaukoma e Isaac Peces DJ; e o domingo 19 o ritmo correrá da conta de Russkaja, Dakidarría, Banda Xangai, Zoo, Xavi Sarrià i el Cor de la Fera, High Paw & Elephand Yard, El Diluvi, Auxili e The Dawlins.

Ademais, o Festival das Linguas, continúa abríndose ao mar pola natureza do espazo no que se celebra. Froito da cultura marítima da zona, o festival ofrécelle ao público a posibilidade de vivir unha experiencia marítima única en familia pola Ría de Arousa a bordo do Chasula. Trátase dunha embarcación tradicional na que o público gozará da música ao vivo de Voodoo, Roberto Sobrado, Arremecaghona Monobanda, Xurxo Souto, Ugía Pedreira + Marina Oural e Marcelo Dobode; e dunha exclusiva degustación gastronómica de produtos 100% galegos. Unha actividade perfecta para grandes e pequenos que contará con tres saídas o sábado 18 e outras tres o domingo 19 en diferentes quendas dunha duración aproximada de 2 horas.

Alén disto, o evento segue contando cunha chea de actividades gratuítas para todos os públicos como Gran Gala de Circo Solidaria “Gala das liberdades” a favor de Pallas@s en Rebeldía, a habitual Sardiñada Popular Revenidas, diferentes prostas gastronómicas a cargo de chefs con Mahou que nos presentarán os seus pratos máis apetecibles e innovadores, música soundsystem non stop no Recuncho DUB ou a nosa Feira Revenida, onde os protagonistas serán o talento, a creatividade, a innovación, as figuras emerxentes no mundo das artes e os produtos culturais do país.

Entradas

O modelo de combinar actividades de balde para público familar con concertos de pago seguirá sendo a base desta festa galega, que continúará na súa liña de explorar novos espazos con actividades que vencellen a vila e o evento, co que colaboran o Concello de Vilagarcía de Arousa, A Deputación de Pontevedra a través do seu circuíto #RíasBaixasFests e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), por medio da súa marca Fest Galicia.

Os interesados e interesadas en asistir ao Revenidas 2018 poden mercar xa o abono de tres días por un prezo de 35€ e a entrada dun só día 20€  a través da páxina web www.revenidas.com, nos puntos de venda físicos ou en todas as oficinas de Correos de España.

Compartir
Share on Facebook
Facebook
0Tweet about this on Twitter
Twitter

revenidas