O Revenidas bate récords celebrando a súa edición máis exitosa

Written by Published in +Revenidas
  • As seis sesións de concertos a bordo a cargo de Najla Shami, Lydia Botana, O Leo Arremecághona, Xurxo Souto e Ugía Pedreira esgotaron todas as súas entradas.
  • Os concertos da zona de pago máis aclamados polos festivaleiros e festivaleiras foron os de La Pegatina, Desakato, Riot Propaganda, Skindred, Dakidarría, Terbutalina e Bohemian Betyars.
  • A xente presente na sardiñada do sábado acada unha cifra histórica chegando aos 7.000 asistentes e despachando os 1.000 quilos de sardiñas que a organización puxo á disposición do público.
  • O festival xerou uns 700 postos de traballo e tivo un impacto económico na zona de 1.400.000 euros.

O Revenidas é un festival único, vencellado ás tradicións, que combina á perfección espazos de balde para o lecer de familias e de todos os públicos, cun recinto pechado de dous escenarios cunha programación musical que inclúe importantes bandas internacionais, estatais e galegas. Durante a pasada fin de semana -na que se celebrou a súa 14ª edición- milleiros de festivaleiros e festivaleiras se deron cita en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) para gozar de tres días con 50 horas de música e unha chea de actividades.

O modelo de combinar actividades de balde para público familar con concertos de pago segue triunfando nesta festa galega, que continúa tendo como base do seu éxito o crecemento de novos espazos con actividades vencelladas á vila e ao entorno no que se celebra. Son os casos da Zona Dub na Praia do Preguntoiro, os concertos a bordo do Chasula pola Ría de Arousa, as actividades gastronómicas e Feira Revenida para talentos emerxentes do Parque de Dona Concha ou a Gala de Circo Solidaria, que nesta edición se fixo a favor de Pallas@s en Rebeldía, unha organización que acolle coa maxia do circo a miles de homes e mulleres que foxen da guerra, mentres denuncia as políticas xenocidas da UE.


O Revenidas, ademais, é un festival comprometido coa zona e a contorna na que se celebra que traballa para sercada vez un evento máis sutentable e responsable. Nesta edición, o festival fixo unha forte aposta pola reciclaxe, separando todo o vidro xerado no festival da man de Ecovidrio e todos os residuos xerados ao longo dos tres días de festival. Ademais, a organización tamén aproveitou a ocasión para, xunto á empresa Marexada, concienciar a través de diversas accións aos asistentes no que a hábitos saudables dentro dos festivais respecta.

Afluencia de público

O Revenidas 2017 reuniu a case unha trintena de bandas e propostas musicais das que La Pegatina, Desakato, Riot Propaganda, Skindred, Dakidarría, Terbutalina e Bohemian Betyars foron as máis aclamadas polos asistentes ao festival. Isto tradúcese nunhas 4.500 persoas que acudiron o venres ata Vilaxoán para ver a La Pegatina, Terbutalina, Esne Beltza, Vendetta, SondaRúa, Noite Fechada Bolboreta e DJ Pimp; 4.000 o sábado para asistir aos concertos de Skindred, Riot Propaganda, Desakado, Dakidarría, Doen e Pupil·les; e 3.000 que despediron esta edición do festival o domingo con Sara Hebe, Auxili, Txarango, Bohemian Betyars, Zapa, Voodoo, De Vacas, O Leo i Arremecághona e La Duendeneta.

Alén disto, o concerto de De Vacas no Espazo Deleite do Parque de Dona Concha foi todo un éxito, chegando a congregar a 1.500 persoas de todas as idades para gozar en familia da mañá do domingo, e a tradicional Sardiñada Popular Revenidas acadou un éxito sen precedentes ao rematar entre os 7.000 asistentes á actividade os 1.000 quilos de sardiñas que despachou a organización.

Impacto económico na zona

Vilaxoán é unha vila de 2.000 habitantes que durante os días de celebración do Revenidas recibe a milleiros de festivaleiras e festivaleiras para convivir con eles na zona. Nesta edición, a afluencia incrementouse considerablemente con respecto a anos anteriores, o que provocou que os caixeiros se quedasen diñeiro dispoñible en varias ocasións, que os hoteis da contorna estivesen cheos durante a fin de semana e que os bares da zona se atopasen ateigados de xente, chegando a quedar nalgún caso incluso sen existencias.

Ante esta gran afluencia de asistentes, a zona de acampada prevista pola organización encheuse ás poucas horas da súa apertura e houbo que habilitar outra en tempo récord que se situou no Rial. Tras constatar que se xuntaron máis de 1.100 tendas de campaña durante toda a fin de semana nas zonas facilitadas pola organización, barállase estudar outros modelos para mellorar a zona de cara a futuras edicións e poder así garantir a comodidade de todos os usuarios e usuarias.

Toda esta actividade viuse reflictida nun impacto económico duns 1.400.000 euros, ademais dos 700 postos de traballo que xerou o festival (200 directos e 500 indirectos), que amosan o esforzo que hai detrás dos escenarios, espazos e actividades do festival.

Apoios fundamentais

A organización do Festival Revenidas 2017 quere amosarlle o seu agradecemento a todas as institucións que fixeron posible esta edición, especialmente ao Concello de Vilagarcía, á Deputación de Pontevedra a través da marca Festivais Rías Baixas, e á AGADIC, así como ás empresas privadas Mahou, Gadis, Marieta Martín-Códax, Deleite Galego, Cafés Candelas, Petroni, Rei Zentolo e Pegaso.

revenidas