O Revenidas organiza este domingo o roteiro (Re)descubre Vilaxoán con Xurxo Souto ao mando

Written by Published in +Revenidas

Este domingo 13 ás 12h00, o polifacético Xurxo Souto volverá poñer a mirada sobre Vilagarcía de Arousa para guiar o roteiro (Re)Descubre Vilaxoán. Nesta andaina, que partirá da explanada do clube de remo para rematar nunha cata de viños das Rías Baixas da man de Martín Códax, farase un percorrido patrimonio material e inmaterial da zona coa música como fío conductor.

Esta non é a primeira das actividades que o festival organiza enmarcadas na campaña #Destino Revenidas Fame de Experiencias. Durante a celebración do festival na segunda semana de agosto leváronse a cabo iniciativas como a Sardiñada Popular -que xuntou a 5.000 persoas no Parque de Dona Concha e na que se despacharon 1.000 quilos de sardiña-, ou os concertos marítimos a bordo do Chasula, unha embarcación tradicional da zona, que na última edición do Revenidas contou coa música de O Leo, Gabri Dakidarría, Ugía Pedreira, Los Jinetes del Trópico, Zeltia Irevire e Gramola, facendo sold out en todas as viaxes. A gastronomía da zona tamén tivo unha acción especial da man dos Showcooking Mahou con chefs Kike Piñeiro e Eloy Cancela, de A Horta d’Obradoiro, e Inés Abril, do restaurante Maruja Limón, que elaboraron tapas utilizando como materia prima a sardiña.

Alén disto, nas semanas posteriores á celebración do evento continuaron as actividades para todos os públicos como un obradoiro de remo na Praia do Preguntoiro ou o Revenidas ilustrado.

O festival, un evento único e vencellado ás tradicións e á zona na que celebra, está nomeado aos Premios Fest na categoría de Mellor iniciativa turística e conta para estas actividades coa colaboración da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas.

Compartir
Share on Facebook
Facebook
0Tweet about this on Twitter
Twitter

revenidas