O Revenidas pecha o seu cartel para esta edición coa incorporación de trece novas bandas

Written by Published in +Revenidas

O festival Revenidas, que celebrará a súa 16º edición do 9 ao 11 de agosto, anuncia a incorporación de doce novas bandas ao que será o seu cartel final. Nesta ocasión o festival vilaxoanés confirma a Erin e Hard GZ, dous dos máximos exponentes da escena urbana galega; a Chocolate Remix, que reiventa o reggaetón denunciando a través das súas letras diversas temáticas que frecuentemente afectaron ao colectivo feminino e LGTB; ao incombustible Leo Arremacághona; a esperadísima volta de Skacha sobre os escenarios; ao hip hop  das Rías Baixas de  Rebelióm do Inframundo; a atmósfera poética que recrea Thomas & Balea; á prometedora Carolina Rubirosa; as mesturas inesperadas de DJ Plan B; o feminismo de raíz de Ferromona DJ; a Brassica Rapa co seu repertorio variado de diferentes estilos que van dende grandes éxitos do pop, bandas sonoras de películas ou cancións reivindicativas actuais; os emerxentes TNT e o sempre agardado fin de festa a cargo de La Duendeneta.

Estas trece novas bandas estarán presentes este verán no Festival das Linguas xunto á música xitana da vertente ucraniana dos Cárpatos de Gogol Bordello; o rock, punk e metal con crítica social de Nao; a Doctor Krápula, unha das bandas de rock máis importantes e influentes de Latinoamérica; a electrocumbia e música tradicional latina de Gambeat, o punk celta de Bastards on Parade; os italianos Talco; os lendarios Gatillazo; os arxentinos Los Caligaris; o dancehall, punk e reggae de Mal Élevé; a música urbana de Tribade; Valira, o novo proxecto de Juan Zanza, guitarrista da Raíz; o cuarteto sueco The Baboon Show;  El Niño de la Hipoteca en formato eléctrico acompañado de Los Ratones; o poder feminista e reivindicativo de Flow do Toxo; o potentísimo punk e hard-core de Desakato e a cumbia e o reggaeton tropical de Los Jinetes del Trópico.

O modelo de combinar actividades de balde para público familar con concertos de pago seguirá sendo a base desta festa galega, que continúará na súa liña de explorar novos espazos con actividades vencelladas á vila e ao entorno no que se celebra. Os interesados e interesadas en asistir ao Revenidas 2019 poden mercar xa os seus abonos de tres días -con acampada incluída- por un prezo de 41 € a través da páxina web www.revenidas.com. Nos próximos días, a organización fará público o seu cartel por días e unha rica e variada proposta de actividades paralelas deseñadas específicamente para a ocasión.

O Revenidas é un festival que se leva a cabo co apoio e/ou patrocinio do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra, a AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) a través da súa marca Fest Galicia, Xunta de Galicia – Xacobeo 21, Mahou e Deleite. Ademais, a organización, para levar a cabo o evento tamén conta coa colaboración de Gadis, Wegow, Sonen, Lodeiros, Thunderbitch, Bodegas Martín Códax, Galletas Daveiga, Torre de Núñez, Toyota Nipocar e Estudios Mans.

Compartir
Share on Facebook
Facebook
0Tweet about this on Twitter
Twitter

revenidas